Colección de grandes firmas

BARBANZA

Unha ducia de artistas galegos, con Alfonso Costa á cabeza, expoñen estes días no Liceo noiés

19 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cadros de importantes firmas, de gran tamaño e estilos moi diversos. Este é o resumo que pode empregarse para definir a exposición que desde a noite do venres está aberta no Liceo de Noia. Son doce obras pictóricas, realizadas por outros tantos artistas da comunidade galega, que van desde o realismo máis puro ata o abstracto absoluto.

Alfonso Costa, Ángeles Jorreto, Laureano Vidal, Lola Beade, Luis Romero, María Manuela, María Xesús Díaz, Óscar Cabana, Pedro Bueno, Rilo, Tino Poza e X. Vázquez Castro son os creadores que conflúen nesta exposición, que se presenta baixo o título Gran formato .

Foi José Manuel Nogueira o que se encargou de reunir a todas estas firmas, despois de que Alfonso Costa, que exerce como responsable da sala Francisco Creo que ten o Liceo noiés, o convidara a facer unha montaxe. Nogueira decantouse polas obras de gran tamaño por considerar que sempre son coleccións vistosas: «Son mostras que paga a pena ver e que non son habituais, xa que se precisa unha sala cunha capacidade importante».

Á hora de elixir aos creadores que achegan cadros a esta exposición, Nogueira tivo en conta que foran de estilos diferentes: «Buscábase a diversidade para poder así interesar a un maior número de espectadores».

Variedade

E José Manuel Nogueira apunta que se conseguiu este obxectivo. Así, destaca, por exemplo, a obra abstracta que presenta Alfonso Costa, un especialista neste estilo; ou a realista que achega o vigués Luis Romero. Trátase dunha imaxe baseada nunha fotografía do propio autor, cando era neno, nos brazos da súa nai. Coma o cadro máis importante polo seu tamaño, o coordinador da mostra sinala a do coruñés Laureano Vidal, que ten unhas dimensións de dous metros de longo por dous de alto.

Aínda que é a primeira vez que conflúen estes doce creadores nunha exposición conxunta, Nogueira confía en que non sexa a última: «A intención é que se convirta nunha colección itinerante, que percorra outras localidades galegas. É máis que probable que sexa así». No Liceo noiés, estes cadros exhibiranse ata mediados de febreiro. A sala Francisco Creo abre todos os días, a partir das dez da mañá.

Para completar a mostra, a entidade noiesa editou un catálogo, que arranca cun texto escrito por Alfonso Costa. Trátase dun conto baseado no mundo da pintura. Foi precisamente o artista de Noia o que o venres se encargou de facer a presentación da exposición, nun sinxelo acto, no que o creador local estivo arroupado por outros dos pintores que participan na montaxe.