Os premios Anticiclón e Borrasca pola normalización lingüística recaen en sendas áreas comerciales da comarca

M.?G.

BARBANZA

03 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza, constituída hai tres cursos e formada por representantes de centros de ensino de todo tipo, deu a coñecer onte os nomes das entidades que se fixeron acredoras da segunda edición dos Premios Anticiclón e Borrasca, que son, respectivamente, un estímulo e un tirón de orellas para empresas e institucións de todo tipo afincadas na comarca en función do uso que fan do galego. Nesta ocasión, centrada no eido do comercio, o Centro Comercial Aberto O Deán fíxose co galardón ao apoio e uso normalizado do idioma autóctono, mentres que o Borrasca foi para o supermercado Haley.

Miguel Louzao e Valentina Formoso foron os encargados de desvelar os nomes dos gañadores nun acto que se celebrou no instituto Félix Muriel de Rianxo. Segundo explicaron, decidiuse conceder á entidade pobrense o premio Anticiclón polo uso habitual do galego nas súas comunicacións, un galardón que estivo bastante disputado, a diferenza do que ocorreu co Borrasca, categoría na que a área comercial ribeirense se fixo merecedora do distintivo por unanimidade.

Lingua maioritaria

Son os representantes de cada un dos vinte equipos de normalización dos distintos centros educativos adheridos á coordinadora os que elixen aos galardoados. Nesta edición, premiaron ao Haley porque consideran que nas súas instalacións «o uso do galego é moi escaso, por non dicir nulo. O único que teñen en galego é o cartel co que felicitan o Nadal aos clientes, non hai absolutamente nada máis, nin megafonía, nin publicidade, nin atención ao cliente. Cremos que esta situación non se corresponde coa realidade desta comarca, na que o galego é a lingua maioritaria», explicou Louzao. Sobre todo, proseguiu, cando se dá o caso de firmas de fóra que fan un uso normalizado do idioma.

En canto ao premio concedido a O Deán, sinalou que había varios candidatos, aínda que finalmente foi a opción do centro comercial pobrense a que se impuxo «pola presenza habitual do galego nas iniciativas que desenvolve».

Simbólicos

Estes premios son meramente simbólicos e serven para animar ás empresas, entidades, persoas ou colectivos que fan un uso normalizado do galego a que sigan na mesma liña, e ás que non o fan a que tomen medidas para que o idioma autóctono gañe terreo nas súas comunicacións.

En este sentido, dende a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística remítese aos premiados unha carta na que, ou ben se lle dan parabéns, ou ben se lle suxire un maior apoio á lingua.

En canto á posta en marcha destes galardóns, a iniciativa xurdiu o curso pasado nun intento por implicar á sociedade nas actividades que se levan a cabo dende os equipos de normalización, unha idea que tamén está detrás da celebración do Correlingua, no que participan centros de escolares.