Regreso ao pasado de Outes

J. M. Sande

SANTIAGO CIUDAD

Un libro de Carlos Barros achega aos lectores ás revoltas irmandiñas que tiveron lugar no municipio

28 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O mecenado do Concello de Outes e o interese amosado polo seu actual rexedor, Carlos López Crespo, por descubrir e facer pública a historia medieval outense fixeron posible a publicación do libro Torres, barras e demo. Os irmandiños da ría Muros-Noia , do que é autor Carlos Barros. Esta obra foi presentada ao público o pasado venres na casa de cultura da Serra.

O volume conta con unha edición ilustrada polo artista, Manuel Mariño, con expresionistas debuxos onde se tenta unha aproximación á realidade documental. O interese histórico amosado polo grafista constátase especialmente nos debuxos relativos ao desaparecido castelo de Outes e os dous derrocamentos sucesivos alá pola metade do século XV, pola acción dos veciños da bisbarra.

Nas coñecidas como revoltas irmandiñas, no referido aos pobos de Outes, Noia e Muros, comarca moi apetecida pola xurisdición señorial Terra de Santiago, non participaron xentes de fóra, segundo recolle nesta obra Carlos Barros: «Foron os labradores, os artesáns, os pescadores e mariñeiros, os clérigos, os mercadores e os fidalgos quen durante toda a vida estiveron en rebeldía total contra os señores das fortalezas para acadar máis liberdades e vivir mellor».

Varios enfoques

O profesor de Historia Medieval na USC mestura nesta obra enfoques da historia social, da política ou do poder de entón, e das mentalidades das xentes, coma unha maneira de obter unha visión máis harmónica, completa e humana dos Irmandiños da ría de Muros e Noia. Tamén ofrece una completa documentación bibliográfica que constata un traballo ben argumentado historicamente.

Na presentación do libro interviñeron o historiador Xerardo Agrafoxo, o ilustrador Manuel Mariño, o director de publicacións de Toxosoutos e o alcalde de Outes, quen dixo sentirse moi satisfeito do labor feito por Carlos Barros: «Os outenses temos neste libro un claro referente da historia dos nosos devanceiros, das súas inquedanzas e preocupacións e tamén da defensa dos seus intereses».

Xunto coa publicación do libro tamén se abriu ao público, na casa de cultura, unha exposición dos debuxos que ilustran a obra. A mostra estará aberta ao público ao longo de todo o mes de novembro.