Apuntes sobre a tenencia da parroquia de Santa Baia de Boiro

Carmen Vázquez Dieste

SANTIAGO CIUDAD

Os dominios chegaban a Cures, Escarabote, Cabo de Cruz e Cespón

25 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

As tenencias foron sistemas de propiedade creados pola Igrexa para administrar os numerosísimos bens cos que se foi facendo ó longo do tempo, remontándose a súa orixe, como nos conta Pérez Rodríguez na súa obra El dominio del Cabildo Catedral de Santiago de Compostela en la Edad Media , ás últimas décadas do século XII.

Estaban integradas por bens de distinta orixe e calidade, tendo en común o feito de estar situadas nunha área próxima, ben nunha mesma parroquia ou ben noutras limítrofes. Aínda que hai que indicar que tamén existen tenencias, como a do Hórreo, en Santiago de Compostela que, excepcionalmente, espallaban a súa influencia por freguesías de toda Galicia.

Os bens das tenencias sacábanse a subhasta para fixar o arrendamento que pagaría quen finalmente se fixese con eles, xeralmente de forma vitalicia. Esta situación formalizábase cun contrato que lle outorgaba amplos poderes na administración ó arrendatario, tamén denominado tenenceiro, deste patrimonio capitular.

Establecer a orixe das tenencias é complicado, posto que a procedencia dos seus bens pode ser moi variada; pero, con todo, nunha clasificación moi xeral, podemos falar de dous grupos fundamentais: aquelas que posúen un nome que recorda o personaxe ou personaxes que a crearon, e un segundo grupo formado por aquelas tenencias coñecidas polo nome do lugar ou a parroquia onde están situadas. A este último grupo pertence a tenencia de Santa Baia de Boiro.

Como se indica no caderno cultural do Concello de Boiro De Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón , parece ser que esta tenencia se orixinou moi probablemente no século XV. Non obstante, segundo nos conta Pérez Rodríguez, cando no século XIV se crea o primeiro tumbo de tenencias, isto é, a primeira recompilación das tenencias e as súas propiedades, xa estaban todas practicamente creadas; por iso, mentres non atopemos na documentación o momento exacto de creación, non nos decantaremos completamente.

Bens doados

Sexa como for, a súa creación está ligada ós bens doados en 1446 por Pedro Leyteiro e a súa dona Constanza Ares, veciños de Santiago de Compostela. A cambio, o Cabido debía celebrar na honra dos doadores o aniversario e festa mitrada o día de Santa Baia. Segundo parece, esta tenencia representaba un número importante de bens situados maioritariamente na parroquia de Santa Baia, pero tamén outros bens en San Vicente de Cespón ou San Salvador de Comoxo, que Pedro Leyteiro, «cambiador» ou banqueiro da Compostela baixomedieval, doa ó Cabido no contexto fortemente relixioso da época.

O núcleo administrativo deste dominio territorial estaba localizado nunha casona no corazón da parroquia boirense, que Pedro Senlle no seu Memorial describe como unha casa e torre con bodega, corte das bestas, horta, viñas de máis de cincuenta xornais, devesas e prados de cincuenta ferrados en semente, cárcere e prisións coa Ermida de San Salvador, que non sabemos se se refire a San Salvador de Comoxo ou a unha ermida dentro do recinto-casa.

Cóntannos as fontes documentais do arquivo catedralicio de Santiago de Compostela que no século XVIII, concretamente no ano 1764, rexentaba a tenencia don Antonio Senlle, e que as súas propiedades eran numerosísimas, estendéndose practicamente por todas as zonas do Boiro actual, dende Cures a Escarabote, e de Cespón a Cabo da Cruz, mesturándose con outras propiedades de Goiáns.

Ademais, a ese dominio territorial débense unir os dereitos xurisdicionais, que provocaran máis dun conflito entre os distintos poderes que existiron no contorno ó longo dos séculos, dende o medievo e ata os inicios da idade contemporánea. Neste contexto sitúase o conflito que en 1764 enfrontou señor de Goiáns e Romelle co Cabido compostelán pola pesca no treito do río e seca de Goiáns, pegado ás murallas da horta, e territorio do pazo, que a xustiza dirimiría denegando a unha e outra parte tal beneficio.

Co decorrer dos anos, a tenencia de Santa Baia de Boiro iría aumentando o seu dominio, engrandecéndose e facéndose máis poderosa, ata que na segunda metade do século XIX a Desamortización acabaría por espallar os seus bens, marcando o inicio da súa definitiva decadencia.