A comarca é terreo de guerra

Celia Alfaya

BARBANZA

A asociación deportiva Mercenarios do Barbanza estende a práctica do «airsoft» entre os veciños

17 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O deporte é un xogo. Ou así o entenden os membros da asociación deportiva Mercenarios do Barbanza que está estendendo o airsoft entre os veciños da comarca afeccionados aos xogos de guerra. Poucos saberán en que consiste o deporte, pero Roberto Martínez, presidente da entidade, defíneo de maneira clara e concisa: «É como o paintball pero máis realista».

O xogo consiste en facer partidas por equipos en grades terreos nas que hai que alcanzar obxectivos, conquistar terras do inimigo ou conseguir derribar aos contrincantes. As réplicas de armas que lanzan bólas son as protagonistas neste deporte. «Os requisitos que hai que ter para xogar a isto son: ter máis de 18 anos e respectar as medidas de seguridade que establecemos, porque iso é o máis importante para nós», explicou Martínez.

Nestes momentos, 16 persoas forman parte de Mercenarios de Barbanza. Cada un ten un sobrenome polo que o coñecen os seus compañeiros de partida. En Galicia existen entre 30 ou 40 grupos que practican airsoft, unha práctica que gaña adeptos con rapidez.

Partidas

O obxectivo do xogo é «correr moito, facer deporte e pasalo ben. Se vés a xogar vés a divertirte, ese é o único propósito», explicou Sombra, como é coñecido Martínez entre os seus compañeiros.

Cada fin de semana un recuncho de Galicia convértese en escenario das guerras ficticias que organizan entre varios grupos. «Unha persoa elabora un guión de como se ten que desenvolver a partida, cólgao no foro e todos os que queiran anótanse», dixo Martínez.

Dependendo da dificultade e da elaboración do guión, as partidas teñen maior ou menor duración. De feito, hai ocasións nas que comezan co xogo ás 6.30 horas e non rematan ata que o sol se pon. «Nesas ocasións hai que buscar un sitio no que non te vexan para comer». Todo forma parte do xogo. Noutros deportes a climatoloxía é un factor a ter en conta pero no airsoft xógase «neve, vaia frío ou caian chuzos de punta».

Non é habitual a presenza de público, pero Roberto Martínez lembra que non é a primeira vez que decenas de persoas se paran a ver como se desenvolven as partidas. Moitos, quizais, probarán, porque como di Martínez, «unha vez que empezas cólleslle o vicio».