Uns 2.350 nenos barbanceses participarán na segunda edición da carreira en prol do galego

BARBANZA

09 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A segunda edición barbancesa do Correlingua, a denominación coa que se coñecen as carreiras en prol do galego que se convocan na comunidade, reunirá no municipio de A Pobra a unhas 2.500 persoas, das que sobre 2.350 serán estudantes de centros escolares e institutos dos catro municipios de Arousa norte.

Os alumnos estarán acompañados polos seus mestres e, dende hai uns días, todos traballan intensamente na elaboración das pancartas que lucirán durante esta singular concentración, que se celebrou na zona por primeira vez o ano pasado, sendo Ribeira o municipio anfitrión. Nesta ocasión o número de asistentes supera en mil ao rexistrado na cita da capital barbancesa, o que constitúe todo un éxito.

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza, encargada da organización deste encontro, explicou onte todos os detalles da carreira, que se levará a cabo baixo nesta edición co lema «En galego, pásao».

Percorrido

A carreira polo idioma terá lugar o vindeiro martes pola mañá. Os participantes sairán do Cantón da Leña e irán pola zona peonil, pasando pola plaza de Maura e percorrendo os Xardíns Valle-Inclán. O remate será na praza Maior.

Integrantes da Policía Local e da Garda Civil de A Pobra encargaranse de regular o tráfico e de velar para que todo discorra con absoluta normalidade.

A xornada constituirá unha auténtica festa porque na praza Maior está previsto que se desenrolen diversos espectáculos. De feito, o percorrido ata ese punto estará amenizado pola charanga Chinclán.

Contacontos

Posteriormente, nun camión-palco, haberá tamén unha sesión de contacontos a cargo do capitán Benito Souto e da grumeta Quilla. Ambos son dous mestres de Ribeira. Acto seguido subirase ao escenario o grupo musical Fantoches Baj, que foi elixido polos nenos a través da páxina web do Correlingua.

Os artífices de que se desenrole o Correlingua na comarca consideran que se trata dunha actividade lúdica que pode animar aos nenos a empregar a lingua vernácula.

Nesta actividade, que non deixa de ter certo carácter reivindicativo, participarán nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos. Cada un dos grupos levará un distintivo que permitirá identificalo e, dende logo, unha pancarta de elaboración propia na que, de xeito orixinal, os participantes manifestarán o seu apoio para que se fale a lingua galega.