Arranca o curso do Alboio

BARBANZA

A escola de música de Bastantes Llon empezará o sábado unha nova tempada con douscentos alumnos

09 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A cidade ribeirense converterase o sábado nunha festa rachada. Charangas e agrupacións pertencentes á asociación Bastantes Llon percorrerán as rúas espallando sons propios dunha xornada festival. O obxectivo será anunciar por todo o alto o arranque do curso da escola de música O Alboio. A presentación oficial desta nova tempada terá lugar ás cinco da tarde, no conservatorio municipal.

O responsable do colectivo, Suso Bello, explicou que, ao igual que no curso pasado, a escola contará cuns douscentos alumnos. Como ocorreu no 2007, acudirán a clases de gaita, pandeireta, acordeón e guitarra. Ademais, formaranse en novas materias que Bastantes Llon quixo incluír este ano na programación do Alboio. Trátase de solfexo, percusión de man, clarinete, piano, informática musical, charanga e tambor para os máis pequenos.

Tamén verase incrementado o número de profesores. Entre os novos atópanse Alberto Millán, compoñente dos Chiquilicuatres; e Tomás Ageitos, da Compañía do Ruído. Ademais, da dirección do taller de canto encargarase Liliana Ballarín, que tamén imparte clases no conservatorio municipal.

Centros de ensino

No acto de presentación do novo curso do Alboio, que tivo lugar no Ateneo Valle-Inclán, Suso Bello explicou que algunhas das materias impartiranse na praza do peixe da cidade, mentres que as outras terán como aula o conservatorio.

Aínda que os alumnos terán que acudir ás clases co instrumento que corresponda en cada caso, Suso Bello explicou que o obxectivo da asociación é poñer en marcha un banco deste tipo de ferramentas, co fin de darlle máis facilidades aos nenos ribeirenses para que adquiran formación musical.

O responsable de Bastantes Llon tamén sinalou que, aínda que foi imposible ter todo listo para o inicio do curso do Alboio, no prazo dun mes arrancará un obradoiro de musicoterapia dirixido a bebés: «Queremos que, ao igual que entran en contacto coa auga pouco tempo despois de nacer, poidan familiarizarse cos distintos sons musicais acompañados dos pais».

Xunto con Bello e con algúns dos mestres que impartirán as materias desta escola, á presentación acudiu a concelleira Juana Ermitas, quen aproveitou para destacar o pulo que o Concello quere darlle á educación musical, tanto dende o conservatorio como dende iniciativas promovidas por asociacións, como é o caso de Bastantes Llon.