«En Cambados sempre nos copian»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Aínda que quen o coñecen non acaban de crelo, o veterano fundador de Albarousa está decidido a deixar paso a nova xente logo de 29 anos pilotando a cita gastronómica

15 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando Antonio Neira (Carril, 1935) fixo nacer Albarousa, o consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas nin sequera existía. Hoxe, 29 anos despois, a cita co viño de autor de Vilagarcía é un evento consolidado, toda unha referencia na ampla oferta gastronómica da bisbarra do Salnés. Agora, di Antonio, é o momento de ilo deixando.

-Perdoe, pero hai moita xente que non cre que vostede vaia deixar Albarousa.

-Pois en principio é unha decisión que vai ser definitiva. Son 29 anos e pasan enseguida, pero para min, que vou facer 75, chegou o momento do cambio. Isto precisa un cambio. Xa falei coa alcaldesa e hai un grupo, unha asociación que fai eventos e parece interesada.

-¿E vostede?

-Ben, eu estou disposto a colaborar con eles, por exemplo co tema do viño e a xestión coas adegas. Pero teño claro que a feira non a vou facer ao cen por cento. Outra cousa é colaborar e botar unha man. Iso si.

-Ben, pero eses cambios tamén os houbo nestes 29 anos.

-Claro. Cando comezamos, na miña adega, eramos só un grupo de empresarios e daquela o viño estaba sen etiqueta. Logo empezou o consello regulador e automaticamente as adegas que ao principio viñan sen etiqueta obrigámoslles a que a puxesen. Non me parece ben que se venda albariño sen etiquetar, iso é un fraude. Bebes un viño, toléache a cabeza, e nin sequera sabes de quen é. Ao principio todo estaba costeado por min, e facíanse catas non por profesionais, senón por xente que sabía de viño. De alí pasámolo para o pavillón do Liceo, e despois para o balneario de Paco Feixó e para o pazo do Rial. E logo fun falar con Gago, e el dixo «Antonio, o que queiras». E así foi como acabamos na Peixería. Non había máis ca vinte mesas. Non había actuacións, só xamón queixo e viño. Pero pronto vimos que a xente, para vir, tiña que comer e empezamos a meter cousas. Consolidouse co Concello, e agora con xente coma Manu Villaronga, Mon e Rosa Abuín, cos que podes contar. Despois entrou a Deputación, e a consellería na etapa do Bloque, porque agora a Xunta non nos dá nada.

-A gastronomía sempre foi moi importante. ¿Cre que tamén neste eido precisa unha mudanza Albarousa?

-Mire o Celta de Vigo. Chegou un presidente e botou todos fóra, dende o home que facía as fichaxes ata a muller da limpeza. Case se desfai e vai alá. O que está funcionando ben é mellor non tocalo, senón melloralo. Nós fomos introducindo cambios a medida que as cousas funcionaban ou non. O ano pasado, por exemplo, houbo cocochas pero as quitamos porque non ían ben. Nesta edición non hai pratos caros coma o chuletón, que subía a dez euros. Eu creo que o estamos facendo bastante ben.

-¿E que destacaría dentro desta oferta gastronómica?

-Home, unha das estrelas da feira veu de Buño i é a filloa á pedra. Aínda lembro cando convencín ao señor Eduardo para que viñese. Eu mesmo rematei mercando un par de pedras. Veñen da zona de Fisterra e hai que tratalas con coidado porque, se non está ben preparada, a pedra escacha. Outra innovación nosa é o viño en pipote de madeira. Hai dous anos vendemos xa viño en pipote de madeira, e agora empezou Cambados. Cambados sempre nos copia, coa gastronomía, con todo.

-¿Cre que é por iso que os hostaleiros tanto protestaban contra Albarousa?

-É algo que me sabe mal. Hai anos estiven na comisión de festas e lembro que a hostalería só daba unha peseta, cando os beneficiados son eles. Eu teño unha tenda e podía protestar polo mercado ambulante, pero trae xente e iso é bo. Hai que pensar en todos, non só nun mesmo.