A terceira edición da Regata Calmoseira de Dornas reunirá mañá a trinta embarcacións

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

30 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A terceira edición da Regata Calmoseira de Dornas celebraráse mañá ás 12 horas no peirao de San Tomé, en Cambados. Nesta cita, que coincide coa celebración da Festa do Albariño, cóntase que participen trinta embarcacións e arredor de sesenta dorneiros.

A Calmoseira, que se celebra cada dous anos, ten prevista a saída de embarcacións dende o peirao ás 12.30 horas, e logo de pasar por Abilleira, O Bao e Eirido, rematará no porto de Tragove arredor das 17.30 horas. A continuación procederáse á entrega de premios e unha gran foliada.

Os recoñecementos serán, ademais de para os tres primeiros clasificados, ao antepenúltimo en chegar, que recibirá o premio Especial Calmoseira, pois como di Felipe Vázquez, presidente da asociación «os que queden atrás tamén teñen que ter recoñecemento, e ademais, chamándonos Calmoseira, non iamos esquecernos dos que van con calma», di con retranca.

Calmoseira nace como unha agrupación de persoas cun obxectivo común, o de restaurar un galeón do ano 1943. Esta embarcación estivo funcionando como medio de transporte para unha carpintería de Abilleira e logo pasou a ser, durante máis de quince anos, un barco bateeiro na Illa e no Grove.

De momento a Asociación Calmoseira está a reformar o galeón pouco a pouco, pero o vicepresidente da asociación, Xerardo Portas, afirma que «para os vindeiros encontros de Carril 2011 esperamos contar con 90 metros cadrados de pano», sinala.

A Asociación organiza este evento cos seus propios recursos e co apoio de organismos particulares, que lles axudan a conservar esta regata que se está convertendo xa nunha tradición.

Unha das organizacións que axudan ao desenvolvemento da Regata Calmoseira é o Club de Pesca Deportiva As Joritas, de Cambados, que seguirán con un equipo de persoal e cinco lanchas aos participantes na regata como medio de seguridade, ademais de disfrutar tamén da xornada.

A regata reunirá a todos os amantes do mar e da festa, e entre eles atoparánse dous invitados especiais, uns mozos belgas que veñen cada ano a veranear á zona e que disfrutarán mañá da súa primeira travesía en dorna.