EFB Xiabre, Céltiga, Ribadumia e o conxunto anfitrión, representantes da zona no torneo prebenxamín

La Voz

AROUSA

14 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os responsables da canteira do Arousa veñen de pechar o cartel da primeira edición do Torneo Santa Rita Prebenxamín, que se disputará ao longo desta fin de semana na Lomba. E entre os 16 participantes, catro conxuntos da bisbarra. Os vilagarciáns EFB Xiabre e Arousa, o Céltiga da Illa e mais o Ribadumia.

EFB Xiabre e Céltiga mediránse no Grupo A ao UD Santa Mariña (Vigo) e ao Sálvora CF (Ribeira). No Grupo B, o Ribadumia loitará por un dos dous primeiros postos co Cruceiro do Hío (Cangas), o Crocha Balompé CF (Póboa do Caramiñal) e a EF Portero2000 (Pontevedra). O Grupo C é o único sen representación arousá, coa EFB Moañesa, o Portonovo SD, o CF Cabo de Cruz e o Salgueiriños (Pontevedra). Este último, en substitución do Amio de Santiago de Compostela, retirado a última hora polo desgraciado pasamento dun dos seus xogadores nun accidente de tráfico. Por último, no Grupo D, a EDM Ames, o Moraña CF e o Balaídos (Vigo) serán os adversarios do Arousa.

Os 16 conxuntos mediránse o sábado entre si cos seus rivais de grupo desde as catro da tarde ás nove da noite. O domingo, ás dez da mañá, os oito mellores iniciarán a fase final cos cruces de cuartos. O partido polo título está previsto para a unha e media da tarde. A entrada será gratuíta en todos os encontros.

A organización entregarálles trofeos aos tres primeiros clasificados, ao máximo goleador e ao mellor xogador do torneo.