«A diferenza da mirada do artista está en decatarse nos pequenos detalles»

Y. García

A MARIÑA

17 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Naceu, estudou, vive e ten o taller en Compostela. O artista Manoel Bonabal (Santiago, 1961) tan vencellado á súa terra natal descríbese «sedentario por natureza», o que non quita que sexa amante das viaxes. Ata o 15 expón a Miradas no Centro da Mariña Occidental en Viveiro. Despois irá ao de Mondoñedo e Lisboa.

-A terra onde nace e vive, ¿forma parte da súa creación artística?

-Toda a miña obra xira arredor da terra dado que unha das miñas señas de identidade, como firmo as obras, é unha especie de pingas que vén representando a choiva... e o paraíso da choiva é Santiago. Hai quen se queixa diso pero penso que tamén ten que haber contrastes como na pintura os brancos e negros e para disfrutar do bo sol necesitamos dos días do choiva.

-Na Mariña tamén a veces nos queixamos dos veráns malos. ¿Teriámonos que «mimetizar» co entorno?

-Hai que aprender a amar a natureza. En Viveiro sentinme moi a gusto na sala acristalada ao montar a exposición e me chamaba a atención ver a montaña ás miñas costas e o mar diante e aí, diante do porto, había especie de montaña... Pensei, «falan de San Sebastián e en Viveiro temos unha mariña similar». A natureza do artista é a curiosidade. A diferenza da mirada do artista está en decatarse nos pequenos detalles.

-¿Que se pode ver nesta mostra?

-Miradas reflexa as cousas que non se din con verbas pero si coa mirada. Adoito pintar en acrílico pero aquí paseime ao óleo. Quedei moi satisfeito.