«Na exhibición de Foz debuxei a Castelao no café, chamou a atención»

Y. García

A MARIÑA

Esta ex alumna do instituto focense e hoxe profesional da hostalería volveu quedar primeira nas probas do mércores. E é o seu segundo ano consecutivo

12 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A traxectoria profesional da barista mariñán Sofía Prieto (Burela, 1983) segue cara o máis alto. Esta ex alumna do IES de Foz volveu a quedar primeira, igual ca o ano pasado, no Campionato da Rexión Noroeste da SCAE celebrado o pasado mércores no centro onde estudara. A súa próxima meta e gañar o certame nacional que se celebrará en maio en Zaragoza (na edición anterior quedara en terceiro lugar). Con respecto a repetir o galardón da rexión noroeste, confesa: «Home, pois a verdade é que non o esperaba, non puiden practicar moito porque teño a cafetería, pero bueno, como o fago a día a día...»

-Pois se chega a practicar...

-¡Dígocho eu!

-A próxima cita será en Zaragoza, ¿como a ve?

-Hai que preparala máis.

-¿Percibiu máis 'competencia' este ano en Foz?

-Este ano subiu bastante o nivel, a nivel de baristas de Galicia. E cada vez os baristas se preparan máis. Este ano vamos catro rapaces galegos para o campionato nacional. Eu xa son coñecida aí, espero pasalo ben.

-¿Cre que deron froito os seus resultados no 2009?

-Axúdame bastante en A Facenda (a súa cafetería, en Burela). É un plus que tes.

-Por certo, ¿hai xente que di no seu local: ¡Ti eres Sofía!?, ¿xa é 'famosa'?

-Alguén si mo di, porque me ven na prensa, se achegan, me piden debuxos no café.

-¿Cre que se coñece máis a profesión de barista?

-Si, saben o que é. Se da máis a coñecer.

-E queda por aprender...

-Si, é un mundo amplo.

-¿Canto tempo fai que abriu A Facenda?

-O 10 de decembro do ano pasado, xusto o día do campionato facía dous meses.

-¿Como se leva o de ter un negocio de hostalería?

-Este é especializado en café e petiscos, pinchos tipo vascos, e... bueno, a ver, non só nos centramos nos cafés, temos diferentes viños de denominación de orixe, petiscos, cervexas...

-¿Hai culto nesta zona ao tema dos pinchos?

-Á xente lle resulta atractivo porque é algo que case ninguén fai, e van pedindo, sobre todo xente máis nova. Da maior, algunha se anima e lles atrae a idea do pincho. Aparte, vas a tomar uns viños e te pides un petisco ou dous e senta mellor o viño, polo menos non se sube á cabeza.

-Tamén é toda unha experta no chamado 'latte art'.

-O martes nunha exhibición no IES de Foz fixen a Castelao, que chamou a atención, o osiño, o coello, o cisne... o que me pidan.

-¿Autorretratos tamén?

-Caras tamén debuxo, pero é complicado.

-¿A clave desa técnica?

-Do que se trata é de facer ben a crema do leite e cun palillo debuxar. É coma se fixeras debuxos con pluma.

-¿Como vai ser a súa participación en Zaragoza?

-Será o 1 de maio. Será o mesmo que aquí, catro expresos, catro capuchinos e catro cócteles. O cóctel que vou levar é O cóctel dos cinco sentidos, no que se usan gusto, olfato, oído, tacto e vista.

-¿Que satisfacción sinte ao ter a súa cafetería propia?

-Podo ser profesional, facer as cousas ben, fago o que quero, podo tomarme o meu tempo para facer os cafés, ninguén me apura.