Sun Iou, ou cando as sereas cantan entre gaitas e guitarras

FUGAS

cedida

O grupo, que ven de publicar o seu primeiro disco, «Agora»,  actúa o sábado na Festa da Sementeira, en Corzáns, en Salvaterra do Miño

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha serea tocando a gaita é a imaxe que Sun Iou (que vén sendo como se di «son eu» en Goián) escolleron para a portada do seu disco de presentación, Agora. A ilustración é, ao tempo, unha alegoría do que imos atopar nas dez cancións que inclúe este traballo. Unhas fermosas harmonías vocais femininas e un atinado e respectuoso tratamento das referencias das nosas músicas tradicionais levadas á arquitectura do rock. Se cadra fáltalle a esa imaxe a representación do poderío guitarreiro, elemento esencial e definitorio na proposta de Sun Iou. Non en van, os tres músicos fundadores da banda veñen de proxectos como Nen@s da Revolta, Residuos Atractivas, Skacha ou Keltoi.

Non é dende logo Sun Iou o primeiro grupo galego que fusiona a gaita coas guitarras, o desenfreo rockeiro coa sensibilidade tradi, pero si que foron quen de facelo dun xeito diferencial, o que lles aporta un son moi persoal. «Nós temos moitísimas influencias musicais. O noso territorio natural é o rock e o punk, pero quixemos ter especial coidado coas referencias que tiñamos da música tradicional. Nós criámosnos entre coplas e non queriamos que esa parte desaparecera. Supoño que iso é o que lle aporta personalidade», comenta Tamara Martínez, voz e teclado da banda.

Iso, e as catro voces femininas coas que conta un grupo que pon sobre o escenario a oito persoas. «Queriamos que en directo soara todo o que soa no disco, sen bases pregravadas, así que fomos contactando con músicos e lanzámonos a lo loco». A amplitude, contundencia e variedade de rexistros que proporciona esta formación xustifica as dificultades que supón mover hoxe unha banda con oito músicos.

Tamén incluíron Sun Iou na portada do disco, xusto ao lado do seu nome, unha estrela lila. O seu significado resúmeo, mellor que ningunha outra explicación, o tema Alborada feminista, presente neste Agora. «Non se trata de lanzar un panfleto político pero somos persoas que vivimos nun momento e nunha sociedade determinada. Entón, as letras non poden escapar de aí. Dende logo, non fuximos do compromiso».

Sun Iou actúan o sábado na Festa da Sementeira, en Corzáns (Salvaterra do Miño), que tamén contará coa presenza de Mondra, Familia Caamagno, O Caimán do Río Tea e De Ninghures, entre outros artistas.