Daniel Domínguez, un escritor de cine

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Domínguez, paseando a costa de Covas, en Ferrol -ao fondo, a praia de Ponzos-, nunha xornada de xaneiro do 2020 na que percorreu localizacións en que Wim Wenders filmou «A letra escarlata» (1973).
Domínguez, paseando a costa de Covas, en Ferrol -ao fondo, a praia de Ponzos-, nunha xornada de xaneiro do 2020 na que percorreu localizacións en que Wim Wenders filmou «A letra escarlata» (1973). Ángeles García

Pepe Coira edita unha escolma dos textos que o guionista de Tui subiu entre os anos 2009 e 2020 ao seu marabilloso blog «La escuela de los domingos». O libro preséntase este venres na Filmoteca de Galicia

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel Domínguez (Tui, 1955-Ribeira, 2020) dedicou boa parte da súa vida ao cine, arte que amaba apaixonadamente. Integra ese grupo de persoas que, caladamente, construíron o ecosistema que hoxe fai posible o soño dun cinema galego. O seu nome non transcendeu alén do ámbito profesional, pero deixou unha fonda pegada entre os seus alumnos da Escola de Imaxe e Son e do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual da Coruña, como tamén entre os seus colegas guionistas e directores. Sábeo ben Pepe Coira, guionista e produtor detrás de series como Hierro e Rapa, e algunhas outras nas que colaborou co seu vello amigo Dani. Este íntimo coñecemento serviulle ao cineasta de Rábade para enfrontar un querido proxecto, levar ao formato de libro os marabillosos textos que entre os anos 2009 e 2020 Domínguez foi subindo ao seu blog La escuela de los domingos —un nome que tomou das memorias de Fernando Fernán Gómez onde falaba das películas como a súa escola dos domingos.

«Que quen é Daniel? É un mestre moi próximo, que posúe entusiasmo e transmite entusiasmo, unha persoa cunha gran bonhomía», di Coira para engadir que ese home poderao atopar o lector no volume Las costuras del guion. Textos de cine y vida (editado por Ollo Vivo/TrisTram), porque, asegura, o seu ser reside neses textos, «nos que un parece que o estivese escoitando». Trátase dunha pequena escolma dese fondo de coñecemento oceánico que é esta bitácora e que, entre outros obxectivos, persegue animar á xente a que volva sobre a inesgotable e fabulosa web, cuxa vocación é manterse aberta.

A mirada de Dani, incide Coira, non é compracente, é limpa, está chea de humanidade, agocha un amor xenuíno polas cousas. O matiz ten que ver, aclara, con que aquí non achará o afeccionado crítica feroz nin embiguismo. «Está moito máis interesado en falar do que aprecia, do que quere compartir, non do que detesta. Pode facelo, pero non o fai. Sitúase así nos antípodas dese tópico» que hoxe medra nas redes sociais, máis amigas de xerar ruído que das voces baixas, que é o dial no que opera La escuela de los domingos. «O que facía Dani non é só traballar desde a amabilidade, que tamén, senón ter o criterio para recoñecer, de escoller, de escribir —anota Coira— sobre o que tanto desfrutas e gustas de achegar aos demais, e facelo coa súa facilidade de palabra, cunha empatía case oral, pero tamén con enorme rigor».

O blog, admite, é territorio inmenso, impensable reflectilo na súa globalidade. Ía quedar moito fóra e había de asumilo. Por iso, xunto con Ángeles García (viúva de Domínguez) e Carlos Amil, optaron por unha pauta temática. E que mellor guía para agrupar as pezas que a do guión, asunto tan estimado por el. «Daniel sempre foi guionista e mestre de guionistas», insiste Coira. E hai moitos libros técnicos sobre o guión, profunda, pero escasos son «os que reflexionan sobre o que é o guión, sobre o que se sinte, sobre o que é a escritura, como escribir cine, como o cine narra». Pero o libro non contén receitas, e está moi afastado de supoñer un manual. Así foi, conta, que algún guionista de moito prestixio, xa co libro nas mans, sorprendíase polo raro de ver que resultan uns textos que «entran ao corazón do que é o guión e do que é o guionista» e concluía que sería «unha publicación útil».

Coira conténtase con trasladar a fascinación que a charla de Daniel provocaba nos alumnos —«e que está nestes textos»—: «Era un moi bo orador. Podía quedar moito tempo calado, pero se botaba a falar concitaba todo o interese. Os rapaces saían da clase con esa impresión na face coa que un marcha da sala de cine despois de ver a película». Porque era un escritor de cine.

Encontro de presentación, este venres

Filmoteca de Galicia (A Coruña), ás 19.30 horas

A sede na Coruña da Filmoteca de Galicia (antigo CGAI) acolle este venres, ás 19.30 horas, a presentación do libro «Las costuras del guion. Textos de cine y vida» coa presenza de Pepe Coira, Ángeles García, Carlos Oro, Carlos Amil e Ignacio Pardo. Ao remate, proxectarase «Os contrabandistas de Moonfleet» (1955), clásico de Fritz Lang que tanto amaba Domínguez e que dá inicio a un ciclo a propósito do homenaxeado. Ademais doutros dous seus filmes predilectos de autores como Mizoguchi e Ford, nel programaranse a película «Río de sombras», que dirixiu en 1986, ou un episodio da serie «Terra de Miranda» e a cinta de Carlos Amil «Blanca Madison», traballos en que andou tras a escritura do libreto.