O profesor máis antigo da provincia de Lugo: «Traballar con adolescentes é como medirlle o pulso á sociedade»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LÁNCARA / LA VOZ

LÁNCARA

Xurxo Rodríguez xubílase con 70 anos
Xurxo Rodríguez xubílase con 70 anos ALBERTO LÓPEZ

Xurxo Rodríguez, profesor de Lingua Galega e Literatura, leva máis de 47 anos en activo. Os últimos da súa traxectoria foron no colexio de Láncara, onde este ano se xubila

07 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de Xurxo Rodríguez sempre estivo ligada ao ensino. Seguiu os pasos do seu pai, que era mestre, e leva 47 anos exercendo como profesor de Lingua Galega e Literatura. É o docente máis antigo da provincia de Lugo e este ano xubílase no colexio de Láncara. Comezou a súa carreira no que se antes se coñecía como escolas unitarias, que segregaban aos alumnos por sexo, e viviu os cambios que trouxo a Lei Xeral de Educación de 1970. Xurxo fai un repaso pola historia da educación, dende as diferenzas entre os alumnos das diferentes épocas ata a inmersión nas novas tecnoloxías. 

—Onde comezou a súa traxectoria profesional?

—Eu inicieime no que naqueles tempos se coñecía como escola unitaria, en Muras, na que os rapaces e rapazas estaban en aulas diferentes. Cando se estaba cambiando a Lei de 1970 e comezaron a crearse os colexios comarcais pasei ao de Ribadeo. Despois déronme o destino definitivo en Durango (Vizcaya). Dende alí pedin o traslado e fun para Vila de Cruces, en Pontevedra, onde estiven 20 anos, 18 deles coma director. Por último, pedín o colexio de Láncara, que é onde agora me xubilo. 

—Falamos dun traballo puramente vocacional.  

—Si, a min gústame. Pódese dicir que nacín nunha escola. Procedo dunha familia de mestres e iso fíxome vivir dende sempre o ensino. A pesar de que os alumnos son moi diferentes en cada época porque a sociedade vai evolucionando. Eu traballo con adolescentes e danche moita vida. Non noto ningunha diferenza de contacto nin de idade cos alumnos que teño. Creo que xa me ven como un avó.

—Deulle clase a Román Rodríguez, o Conselleiro de Educación. Era bo alumno?

—Non lle quedaba outra. Porque a nai era profesora tamén alí no colexio de Vila de Cruces, onde estaba eu naquel momento. Seguramente lle dei clase a máis xente recoñecida que agora non recordo. Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto é de ver como os meus alumnos foron saíndo adiante. 

—Despois de tantos anos, cal cre que foi un dos maiores cambios da educación? 

—Está claro que melloramos. Aínda que se o comparas con outros países, daste conta de que aínda queda moito por facer. Faltan medios e os profesores cada día temos máis retos por diante. Pero resaltando o positivo, hoxe contamos con profesores especialistas de apoio educativo, como é o caso de Audición e Linguaxe ou Pedagoxía Terapéutica. Eles traballan a pé de aula con nós e iso é, para min, o que verdadeiramente lle dá calidade ao ensino. Que un neno do rural con necesidades especiais teña as mesmas oportunidades e poida estudar no seu centro sen ter que desprazarse. Hai anos non se conseguiría isto. Cando eu era neno un rapaz con síndrome de Down estaba condenado a quedar detrás da cociña.

—Para vostede, en que se diferenzan os alumnos de diferentes épocas?

 —Antes a sociedade era máis represiva, e iso traducíase nun maior control por parte dos pais e dos profesores sobre os alumnos. Aos mestres tratábasenos de don. Iso, por sorte, foi cambiando, e as relacións son diferentes. Hoxe incluso hai que frearlle os pés aos alumnos porque están máis alterados que naquelas épocas. Na actualidade seguramente estemos protexendo demais ao alumnado. 

—De feito, fálase da perda de autoridade do profesor. 

—Creo que é unha cuestión de valoración social. Noutra época o profesor tiña un mal salario, cunha valoración económica baixa, pero tiña unha aceptación social moi grande. Os profesores eran como deuses nas aldeas. Unha luz entre a escuridade cando as posibilidades de estudar eran nulas. Hoxe, no entanto, protéxese excesivamente ao alumnado e os pais pensan que con aplaudirlles en todo, incluso discutindo os criterios do profesor, o van facer mellor. O docente pode equivocarse, pero esa non é a maneira de axudarlles. 

 —Pensa que actualmente se infravalora o papel da educación?

—Posiblemente. Hoxe en día a xente non entende as complicacións do traballo do profesor. Hai xente que se pasa media vida dando voltas pola comunidade, e iso lévase ao lombo, persoal e económicamente. Na miña época pasábase pouco tempo sendo interino. É un pouco unha carreira de obstáculos. A valoración do profesor é relativamente baixa en relación con outro tipo de profesións, e iso acábase pagando en que non se utilizan os fondos debidos para que os centros funcionan. 

—Nos últimos anos fálase tamén dunha crise no sistema educativo. Que opina ao respecto?

—A educación sempre está en crise. Por exemplo a Lei de 1970, que foi a que creou este tipo de centros e eliminou as escolas unitarias das aldeas, introduciu grandes cambios. O que ten o sistema son diferentes formas educativas ás que os profesores imos sobrevivindo. Estamos sometidos a constantes cambios. Eu negueime a utilizar os ordenadores en lugar dos libros de texto. Só por hixiene da vista, non podemos ter aos rapaces todo o día diante do ordenador. Non estou en contra das novas tecnoloxías porque sei que son ferramentas útiles, pero temos que aprender a utilizalas. Para min, a solución non é lanzarse directamente a elas pensando que o van resolver todo, cando un alumno ten que saber ler e escribir, e iso apréndese practicando, non cun copia e pega do ordenador.  E tampouco se pode despreciar a memorística. 

—Considera entón que as nova tecnoloxías poden convivir ao unísono coa forma máis tradicional de educar?

—Por suposto que si. Aínda o comentaba o outro día. Antigamente, para mandar un comunicado ás familias, tiñas que facelo a man a través dun longo proceso. Iso son tarefas que se reducen coa presenza das novas tecnoloxías e os profesores temos máis tempo para facer o noso traballo, que é atender aos alumnos. Ademais, temos un acceso a Internet que nos permite contar con máis materiais. Pero repito que non debemos pensar que iso é o único que existe.

—Qué consello lle daría aos novos docentes?

—Teño no meu centro moita xente nova excepcional. E, se te fixas, non somos tan distintos nunha época e noutra. Cando saes da profesión, intentas comerte o mundo e facer o teu traballo o mellor posible. Teñen unha boa formación, seguramente mellor ca nosa, pero viven nun contexto moi diferente. O meu consello é que aposten pola familiaridade e a colaboración cos compañeiros. Cando no centro hai un bo ambiente, das o que podes e moito máis. Un mal clima resinte o ensino. 

—Algo que o marcou profesionalmente?

—Para min, que o alumno te recorde é o máis importante, porque te das conta de que fuche protagonista na súa formación. Tamén o recoñecemento dos compañeiros e sentir que o alumnado te acepta. Iso invita a seguir día a día e intentar facelo o mellor posible. Eu tiven a sorte de sentirme sempre querido polos alumnos e arroupado polo centro. Pero teño que dicir que unha das cousas que máis me axudou na vida foi o contacto cos adolescentes porque é como estarlle tomando o pulso a sociedade constantemente. Todos os cambios sociais se observan a través deles. O ensino non deixa de ser un intercambio de información. Ti contas o que sabes, e eles demandan o que queren que lles contes. 

—Que tres calidades debe ter unha persoa para ser un bo profesor?

Unha formación axeitada, un interese por aprender continuamente e a capacidade de analizar a sociedade na que te moves. Non é o mesmo traballar nun centro ca noutro. Non é o mesmo un medio rural que un urbano. Pero tampouco é igual un barrio rico que un barrio pobre. Tes que ser capaz de mesturar todo iso e darlle voltas para ver como tratar co alumnado, e tamén cos pais. Trátase de armas que non son ningunha novidade, pero que vas aprendendo e mellorando co tempo. 

—Para vostede, que é o que diferenza a educación no rural?

—A educación rural vívese dun xeito diferente porque conserva valores que seguramente nas cidades se perderan. Os rapaces poden ser máis vagos ou menos, pero teñen unha bondade natural que os caracteriza. Ademais, mantense a cultura familiar e comunitaria das aldeas, que ten un peso importante. No rural o colexio é como unha gran familia. Coñeces aos rapaces dende que chegan ao colexio con tres anos e as relacións cos pais, e tamén entre os docentes, son máis abertas. Ese clima de traballo permite avanzar ao centro. 

—Defende completamente o ensino público. 

—Si. Paréceme que xera igualdade de oportunidades. Cando foi a transición, entendíase que houbera centros concertados, porque seguramente non houbese medios para a creación dos públicos. Pero agora non concibo que haxa centros concertados financiados con fondos públicos e con profesorado sen oposición. Eu síntome orgulloso de pertencer ao ensino público porque se traballo catro horas máis sei que o fago para a xente. Iso é o máis importante.